Titores do programa
A admisión definitiva dun doutorando nun Programa de Doutoramento leva a asignación dun Titor, designado pola Comisión Académica do Programa de Doutoramento. Tratarase dun profesor asignado ao programa con vinculación permanente coa universidade e/ou entidade colaboradora no Programa de Doutoramento.
Con carácter xeral, o Titor terá como funcións:
- Velar pola interacción do doutorando coa Comisión Académica do Programa de Doutoramento e, conxuntamente, co Director da tese.
- Velar pola adecuación ás liñas do Programa da formación e a actividade investigadora do doutorando.
A Comisión Académica do Programa de Doutoramento, oído o doutorando, poderá modificar o nomeamento do Titor en calquera momento do período de realización do doutoramento, sempre que concorran razóns xustificadas.
A labor de Titorización será recoñecida como parte da dedicación docente e investigadora do profesorado.
Directores da tese de doutoramento
No prazo máximo de tres meses desde a súa matriculación, a Comisión Académica do Programa de Doutoramento asignará a cada doutorando un Director de tese que poderá ser coincidente ou non co titor previamente referido. O Director da Tese será o máximo responsable da coherencia e idoneidade das actividades de formación, do impacto e novidade no seu campo, da temática da tese e da guía na planificación e a súa adecuación, no seu caso, á doutros proxectos e actividades onde se inscriba o doutorando. Polo tanto, debe dispor do tempo, coñecementos, experiencia, aptitude técnica e dedicación necesarios para poder atender ao/á estudante.
Como supervisores/as do labor investigador deben crear unha relación construtiva e positiva cos/coas estudantes, a fin de establecer as condicións necesarias para unha transferencia eficaz de coñecementos e para o futuro bo desenvolvemento da súa carreira como investigador/a.
Poderá ser director/a da tese calquera doutor/a español ou estranxeiro, con experiencia investigadora acreditada, con independencia da universidade, centro ou institución en que preste os seus servizos, e que non incorra en calquera das causas de abstención establecidas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro. Para os efectos desta normativa, por «acreditada experiencia investigadora» enténdese o cumprimento no momento da solicitude dalgún dos seguintes requisitos:
- Ter recoñecido, polo menos, un sexenio de actividade investigadora avaliado pola CNEAI ou, no seu defecto, acreditar méritos suficientes que garantan a avaliación positiva dun sexenio de actividade investigadora segundo o establecido pola CNEAI para cada campo científico.
- Ser, nos últimos seis anos, investigadora ou investigador principal dun proxecto de investigación financiado mediante unha convocatoria pública.
- Acreditar a autoría ou coautoría, como mínimo, de tres publicacións en revistas incluídas no Journal Citation Reports.
- Acreditar a autoría ou coautoría dunha patente en explotación.
- Ter dirixido unha tese de doutoramento coa cualificación de sobresaliente que orixinase, polo menos, unha publicación en revistas indexadas no ISI-JCR ou algunha contribución de relevancia equivalente no seu campo científico segundo os criterios da CNEAI.
A CAPD poderá modificar a asignación da dirección da tese, unha vez oído o doutorando/a, sempre que concorran razóns xustificadas, durante os dous primeiros anos da formación. Excepcionalmente, poderá realizarse con posterioridade. En ningún caso se modificará a asignación da dirección para deixala vacante.